Axentes do Seprona localizan o dono de bestas ceibas que ocasionaron un accidente en Catoira
Unha manda de cabalos ceibos ocasionou un accidente de tráfico este martes pola mañá ao cruzar a estrada ao paso dun coche. Unha egua e a súa cría levaron a peor parte dun sinistro acontecido na estrada que enlaza Caldas e Catoira, que puido ter consecuencias peores.
Sobre as oito e cuarto da mañá unha grea de cabalos baixou do monte e, cando estaban a atravesar a calzada para seguiren pola outra pista de terra, un coche bateu contra eles. A parella de rapaces que ía no turismo en sentido Caldas saíu ilesa e con danos de consideración no coche.
Esta egua foi a vítima máis grave, con varias fracturas nunha pata. Terá que ser sacrificada. O seu poldro, de poucos días de vida, saíu ileso. Ao lugar desprazouse a patrulla do Seprona; de entrada, afastaron uns cans soltos que non deixaban de ladrar onda as bestas.
As xestións dos membros da Garda Civil para que a Xunta enviara un veterinario tiveron resposta negativa e o Concello non dispón dese profesional, polo que se prolongou o sufrimento da egua.
As pescudas desta patrulla do Seprona encargada da zona do Salnés lograron dar co dono dos animais e pasadas as once da mañá agardaban que chegara ao sitio para facerse cargo da egua e do poldro.