CRTVG

Buscar

Avogan polo equilibrio entre terceiras doses en Occidente e inmunizar o Terceiro Mundo

Publicado o 07/10/2021 14:56

Mentres en Galicia temos administradas preto de 170 doses da vacina por cada 100 habitantes, hai países en África que nin chega á ratio de 1 dose por cada 100 habitantes. Un problema deles que tamén é noso, porque onde non hai vacinas o virus séguese transmitindo e segue mutando.

"Os virus aprenden. E aprenden tamén a escapar, por iso falamos de variantes de escape", explica a membro do comité clínico Pilar Farjas. "Aprenden a escapar da inmunidade que xeran as vacinas. Ese é o maior risco que temos: que vaian aparecendo e circulando variantes fronte ás que as vacinas non protexan".

"Dende logo a prioridade é que chegue a primeira dose á xente que aínda non a recibiu", engade Federico Martinón, asesor de vacinas da OMS.

Os expertos inciden na necesidade de buscar un equilibrio: "O que estamos a ver é que con dúas doses, o funcionamento en termos de prevención de mortes e de formas graves continúa a ser moi bo, independentemente da idade e independentemente da variante circulante", explica Martinón.

O que se observou é que nos maiores esa protección fronte á hospitalización e á morte continúa, pero baixa un pouquiño a protección fronte á posibilidade de infectarse e transmitir. "Algo normal para calquera vacina neste grupo de persoas que habitualmente necesitan máis doses para conseguir o mesmo resultado que na xente que, digamos, ten o seu sistema inmune normal", argumenta o especialista en vacinas.

Pilar Farjas engade: "Temos evidencia de que nestes grupos de idade que son os primeiros que se vacinaron e, polo tanto, dos que temos máis información, diminúe a capacidade de infección fronte á infección, polo tanto, fronte á transmisión do virus e seguen sendo o colectivo de maior risco de complicación no caso de infectarse".

Mentres se subministran esas terceiras doses en Europa, os expertos avogan polo control da circulación en fronteiras e nos ámbitos de maior vulnerabilidade, para o que moitos defenden a utilidade de ferramentas coma o certificado covid.

Noticias web

07/10/2021