CRTVG

Buscar

Aviso laranxa por mar de fondo en todo o litoral ata mañá

Publicado o 11/03/2021 16:22

A borrasca que afecta Galicia está a deixar chuvia en case todo o territorio, agás parte da provincia de Ourense. Os chuvascos irán desaparecendo ou perdendo intensidade ao longo da xornada, e mesmo se irán abrindo claros. En cambio persiste o mar de fondo, con ondas que poden superar os cinco metros de altura desde a mariña lucense ata A Guarda.

O aviso laranxa na costa por mar de fondo non se vai desactivar, segundo as previsions de Meteogalicia, ata mañá ás seis da mañá. Afecta todo o litoral, con ondas que poden superar os cinco metros de altura. A máis alta rexistrada esta mañá foi de seis metros en Vimianzo, na Costa da Morte.
A borrasca tamén trouxo chuvia, que foi intensa durante a mañá e tende a amainar pola tarde. Nas rúas, os veciños resígnanse.

Para mañá a previsión anuncia algúns chuvascos pola mañá e unha tarde solleira. O sábado será un día gris con chuvascos febles e de novo avisos laranxa e amarelo na costa por mar de fondo e vento no mar. O domingo agárdase tempo seco e sol en Galicia.

Noticias web

11/03/2021