CRTVG

Buscar

Aviso laranxa por calor no interior e descenso das temperaturas no litoral galego

Publicado o 30/07/2020 15:04

A calor intensa destes días finais de xullo no interior de Galicia, un mes que, ademais, este ano resultou extremadamente seco, aumenta o risco de que se produzan incendios. Hoxe hai comarcas do interior en aviso laranxa por temperaturas que poden chegar aos corenta graos.

Estamos ante un dos xullos máis calorosos dende que hai rexistro. En Ourense a media estivo 5 graos por riba do habitual, con picos como os de hoxe nos que se agarda acadar os 40.

Pero non só Ourense, toda a conca do Miño e a comarca de Valdeorras están en aviso laranxa por altas temperaturas que poden acadar os 40 graos. Ata os 36 poden chegar no resto provincia e tamén en boa parte da de Lugo, onde quizais noten máis este aumento da calor xa que a suba pode ser ata 10 graos con respecto a onte.

Para mañá, nova xornada de calor, aínda que xa non tanto.

Por outra banda, nas Rías Baixas, a calor desta noite pasada, con temperaturas de 20 graos de media, deu paso a unha xornada de niveis máis suaves.

As brétemas costeiras que xa fixeron a súa aparición á primeira hora da mañá, están a baixar un chisco os valores térmicos, que hoxe non pasarán dos 26 graos en xeral, aínda que en Vigo puntualmente poderán acadar os 29.

Noticias web

30/07/2020