CRTVG

Buscar

Aviso laranxa en toda a costa galega polos efectos da borrasca Gabriel

Publicado o 30/01/2019 14:38

Os efectos de Gabriel seguen a notarse na comunidade, onde deixou ventos de 146 km/h en Estaca de Bares ou 120 km/h en Cedeira. Hoxe a peor parte lévaa o mar. A Axencia Estatal de Meteoroloxía mantén arestora en alerta laranxa por forte ondaxe o suroeste e noroeste da Coruña e mais a costa lucense. Este aviso ampliarase a partir das seis da tarde a todo o litoral galego, onde se acadarán ondas de ata os seis metros. A frota de baixura continúa amarrada e non esperan volver pescar ata o luns.

Concellos como o da Coruña manteñen pechados os accesos a praias e parques, e dende a Xunta recomendan extremar as precaucións e evitar achegarse ao mar, especialmente a partir do mediodía, cando a forza do mar convivirá con intensas precipitacións.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía manterá o aviso laranxa en Galicia ata o venres, xornada que se prevé peor, con forte temporal en mar e terra e mesmo nevaradas por debaixo dos 700 metros.

Noticias web

30/01/2019