CRTVG

Buscar

Aviso amarelo por neve nas serras orientais do país

Publicado o 06/03/2020 14:02

A fronte fría trouxo de novo a neve ás serras orientais do país. Rexistráronse precipitacións en forma de folerpas en cotas superiores aos mil metros, que deixaron un manto branco de máis de cinco centímetros de espesor. Así e todo, a nevada non afectou a circulación por estrada.

"Hoxe ándase bastante ben. Só hai aí nun alto un pouco de neve. Polo resto, está bastante limpa a estrada e non hai problema".

Á neve e ás baixas temperaturas hai que sumar o efecto do vento forte do noroeste, que deixou nas zonas de montaña unha sensación térmica de ata catro graos baixo cero.

"Temos un cambio de temperatura. Tivemos un mes de febreiro moi bo, incluso con noites de nove graos, e agoa cambiou. Pero adoita pasar nestes últimos anos, que na porimavera é cando vén a neve. Sobre todo en marzo, un pouco abril e incluso en maio. Estamos así como co tempo un pouco cambiado".

"Foi un contraste moi grande porque xa tivemos, como quen di, a primavera. Con todo por aí medio floreado, estabamos moi contentos co tempo que tiñamos, tan fermoso, e agora veunos este frío que acaba con nós".

Os peregrinos que atravesan estes días a montaña luguesa foron dos que máis padeceron a neve e a xistra das últimas horas.

"A verdade é que esteticamente é moi bonito, pero é un tempo duro. Sobre todo cando hai vento e estás facendo o camiño, a xistra faise moi difícil".

"É complicado e convén prepararse adecuadamente cun bo calzado, uns bos panatalóns, boa roupa de abrigo e, por suposto, unha capa. As etapas anteriores foron duras de chuvia e agora colleunos a neve".

"O fin de semana vai vir bastante xente, sobre todo se se conserva a neve. Cando hai neve aquí, vén un mundo de xente".

"De feito, chamou moita para pasar a noite aquí, para hoxe e para mañá, porque dan que entra unha borrasca hoxe tamén que pode deixar algo de neve. Mañá parece que está bo día e o domingo hai outra borrasquiña. A ver se deixa algo de neve, polo menos para ter auga para o verán".

Para esta xornada, o aviso amarelo por neve está activado ata primeira hora da tarde tanto na montaña de Lugo coma na de Ourense.

Noticias web

06/03/2020