Aviso laranxa no litoral da Coruña e Lugo por ondas de ata seis metros
• Aviso amarelo no litoral pontevedrés
En boa parte da provincia da Coruña a frota quedou amarrada a porto este luns. O temporal obrigou a activar o aviso laranxa por mar combinado que deixou ondas por riba dos cinco metros e medio no Cabo Vilán e tamén en Estaca de Bares.
A borrasca atlántica que afecta ao litoral galego tamén trouxo fortes ventos. En Viveiro rexistráronse refachos máximos de 125 km/h, en Malpica de 107, en Cariño e Burela rozaron os 95. Na cidade da Coruña superaronse os 80 km/h, aínda que sen incidencias salientables.
Na Mariña luguesa, o aviso laranxa rebaixouse ás oito do serán a amarelo e a partir das dez da noite tamén pasará a amarelo na costa da provincia da Coruña.
Aviso amarelo no litoral de Pontevedra
O aviso amarelo no litoral pontevedrés vaise manter por vento ata as primeiras horas da mañá e durante toda a xornada do martes por mar combinado. A frota permanerá amarrada a porto un día máis.
O mar de fondo é o culpable de que non se poida saír a faenar. Aínda na xornada deste martes, a cola da borrasca Karine obrigará a amarrar a frota.
O maior refacho de vento da provincia de Pontevedra rexistrouse en Fornelos de Montes, con 125 quilómetros por hora. O paso de Karine deixou numerosas incidencias, a maioría, caídas de árbores e balsas de auga nas estradas. Tamén caeron valos e houbo desprazamento de colectores e de uralitas.
Unha nova fronte que chega polo Atlántico, desta volta sen nome, deixará chuvias intensas e ventos fortes sobre todo nas primeiras horas do martes.