Avanza a vacinación das persoas de entre 50 e 59 anos na Cidade da Cultura
Unha mañá máis a Cidade da Cultura, en Santiago, acollía millerios de persoas que acudían a vacinarse.
Estaban citadas unhas 4.000 persoas de entre 50 e 59 anos. Recibiron a primeira dose da vacina de Pfizer.
"Estou contenta porque estaba desexando que ma puxeran, a ver se chegamos ao verán todos vacinados".
O ritmo foi rápido e as colas fluídas. Esta mañá estaban preparados 26 postos de vacinación. Alí preguntaban por posibles alerxias, resolvían dúbidas, e finalmente administraban a dose.
"Só dous minutos, chegar, poñer o código, recibir a vacina, e aquí estou".
Os vacinados dicían estar agora máis tranquilos e desexando que todo o seu círculo tamén reciba a vacina:
"A pandemia alterounos moito en todos os sentidos, nas relacións sociais, no traballo e tamén psíquicamente nos afectou a todos, é importante para todos ter unha vida normal, eu teño un neno pequeno e quero que volva vivir unha vida normal"
O domingo continuará aquí a vacinación coa repesca de persoas de entre 60 e 69 anos que non acudiran a primeira vez que os citaron.
Patricia Otero Palacios, enfermeira e coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura: "Xente que por motivos persoais non puideron vir á primeira cita, algo que sempre se vai facer é recaptar esas persoas para que se poidan vacinar igualmente".
Dentro tamén da área sanitaria de Santiago, entre hoxe e mañá vacinaranse no hospital da Barbanza algo máis de 1.350 persoas.