CRTVG

Buscar

Avanza a vacinación, con citas nos hospitais de Santiago e Ferrol e nos centros de saúde

Publicado o 25/04/2021 19:12

• O sábado foron vacinadas 8.203 persoas en grandes recintos, o 83 % das que foran citadas

Avanza a vacinación, con citas nos hospitais de Santiago e Ferrol e nos centros de saúde

A campaña de vacinación avanza. Tras a xornada do sábado, con máis de 11.000 doses administradas, o ritmo descende este domingo pero non se detén.

Están citados os que se vacinan no Hospital Clínico Universitario de Santiago e no Arquitecto Marcide de Ferrol. Ademais, tamén hai vacinacións nos centros de atención primaria e a domicilio para dependentes ou persoas con mobilidade reducida. 

Xa se coñecen os datos da vacinación masiva deste sábado en grandes recintos. Foron 8.203 as persoas a que se lles inoculou o soro, o 83 % das que foran citadas. Onde máis convocados había onte era nas cidades de Ourense, Vigo e A Coruña, con 3.000 persoas citadas en cada unha. En todas as cidades asistiu máis do 80 % para poñer a vacina. Na cidade de Santiago foi na que se rexistrou unha maior participación, un 87 %. Estaban citados 811 e acudiron 709.  

Vacinación en grandes recintos

  • Expourense: 3.000 persoas convocadas, das que se vacinaron 2.535
  • IFEVI: 3.000 persoas convocadas, 2.443 vacinados
  • IFECO: 3.000 persoas convocadas, vacináronse 2.516
  • CHUS: 811 persoas convocadas, 709 vacinadas.

O plan de vacinación continuará este luns nas sete áreas sanitarias galegas, tanto en centros de saúde como en hospitais. E no caso dos grandes dependentes, nos fogares. Así mesmo, o proceso de vacinación continuará en grandes recintos: o IFEVI en Vigo e o Recinto Feiral de Pontevedra. Os grupos de idade correspóndense cos de 60 a 65 anos e os de 70 a 79. Prevese que en total se administren unhas 16.000 doses.