CRTVG

Buscar

Avanza a investigación do crime de Chapela con novas liñas de traballo policial

Publicado o 07/02/2021 21:16

Por como estaba atado, con cintas, boca abaixo, aos pés da porta da entrada, e tendo en conta os resultados da autopsia preliminar practicada ao falecido, a estas alturas da investigación, a Policía Nacional ten claro que a Roberto matouno alguén e que non se suicidou. Tiña un golpe no queixelo pero non tiña cortes no corpo nin marcas de disparos.

O lugar onde apareceu o cadáver, posiblemente o propio escenario do crime, estaba impoluto. Soamente había unha mesa movida de sitio. A porta exterior estaba pechada e a chave estaba dentro da vivenda. Por onde saíu o criminal ou os criminais é unha incógnita. O can, de raza perigosa, estaba encerrado nun cuarto e non ladraba daquela.

Agora os investigadores xa teñen a autorización do xulgado de Redondela, o que instrúe o caso, para poder examinar unha serie de teléfonos móbiles. Os repetidores que dan cobertura á zona onde está a casa da vítima, a rúa San Telmo, dirán quen pasou por alí nos días previos e no propio día do crime.

Hai varias liñas de investigación, incluída a da posible participación de alguén que tiña desavinzas co falecido. Pero non hai confesións nin probas de cargo sobresaíntes nun caso complicado, o de Chapela, que require máis tempo, os resultados da autopsia definitiva e discreción.

Noticias web

07/02/2021