CRTVG

Buscar

Autorizarán batidas de xabarís porque o confinamento favorece que aumenten sen control

Publicado o 24/04/2020 14:05

Co confinamento, os xabarís foron gañando terreo e avanzan sen control. Nuns días comezará a sementeira do millo e os agricultores piden anticiparse aos movementos destas mandas para que non acaben estragando as leiras.

Galicia lidera a superficie de millo forraxeiro cultivado en España con 65.000 hectáreas. Preocupa isto e a propagación de enfermidades como a peste porcina. Tras decretarse o estado de alarma, prohibiron a caza, a pesar de que a Xunta solicitaba establecer excepcións. Un mes despois, o Ministerio de Agricultura recúa e pídelles ás comunidades que controlen a poboación de xabarís. A proposta da federación son batidas sen contacto persoal, coordinadas a través de aparellos de radio.

Así o explicaba o presidente da Federación de caza de Lugo, Paco López: "A nosa proposta son batidas de oito cazadores sen xuntarnos, coordinarnos polas emisoras e un xefe de cuadrilla que organiza. A hora de recoller o mesmo, porque o importante é a seguridade da xente".

As batidas que prevé autorizar a Xunta serán con carácter excepcional e só en zonas onde o movemento destes animais afecte o tráfico polo risco de accidentes, e onde se rexistren danos importantes nos cultivos.

Noticias web

24/04/2020