CRTVG

Buscar

Autorizan o primeiro test autodiagnóstico de coronavirus para facer na casa

Publicado o 20/11/2020 13:33

España porá á venda o primeiro test de autodiagnóstico de coronavirus que se pode facer na casa e ter o resultado en media hora.

As autoridades sanitarias dos Estados Unidos xa autorizaron a comercialización. O test custará sobre 40 euros e será necesario presentar receita médica para adquirilo. O nome comercial deste test rápido de autodiagnóstico de coronavirus é Lucira.

Trátase dunha proba molecular dun só uso para detectar o virus causante da covid-19. Debido á situación de pandemia, a Axencia para o Medicamento dos Estados Unidos aprobou unha autorización de emerxencia para que poida saír ao mercado.

O test faise recollendo unha mostra nasal cun hisopo, que logo se coloca e remove nunha vía para impregnalo. A continuación, o tubo ponse nunha unidade de probas e en 30 minutos aparecerá na pantalla luminosa o resultado, positivo ou negativo.

"Teñen dúas dificultades, por unha parte, a toma da mostra por parte dun mesmo, do propio paciente, evidentemente, ten a súa peculiaridade e por outra parte o resultado, o paciente ten que comunicarllo a alguén, a unha autoridade sanitaria", explican nunha farmacia. 

O test pode usarse no fogar e tamén en hospitais, consultorios médicos, centros de atención de urxencias e farmacias. Está recomendado para todas as idades, pero só os profesionais sanitarios poderán facerlle a proba a menores de 14 anos. Será necesaria receita médica e custará uns 40 euros.

Noticias web

20/11/2020