CRTVG

Buscar

Australia anuncia medidas máis restritivas contra o gromo en Melbourne

Publicado o 02/08/2020 09:32
Australia anuncia medidas máis restritivas contra o gromo en Melbourne

O Goberno rexional do estado australiano de Vitoria anunciou este domingo novas medidas máis restritivas para combater a propagación da COVID-19. As restricións, entre as que se inclúe o toque de queda nocturno en Melbourne desde as 8 da tarde ata as 5 da madrugada, entran en vigor dende a medianoite e declárase o estado de desastre en toda Vitoria durante seis semanas.

Nas últimas 24 horas confirmouse a morte de 7 persoas e 671 novos contaxios da covid-19 no territorio do Goberno rexional, Daniel Andrews. Así o indicou nunha conferencia de prensa. Boa parte dos novos casos son locais, cunha procedencia descoñecida. Isto fai que as autoridades apliquen maiores medidas.

O estado de desastre permite arrestar e multar as persoas que se salten o toque de queda. Tamén se limitarán os movementos dos residentes de  Melbourne, a segunda cidade máis poboada do país e con preto de 5 millóns de habitantes, onde xa rexe un segundo confinamento ata o 19 de agosto e o uso obrigatorio de máscaras.