CRTVG

Buscar

Aurora, a polbeira fiel á súa cita de Santa Marta en Ponte Arnelas

Publicado o 29/07/2020 14:31

"Cando viñan meus pais eran sete polbeiros alí onda a capilliña todos", di a polbeira carballinesa Aurora Baranda. Pero este ano na capela non se pode entrar, e arredor, coas obrigas polo coronavirus, varias ducias de persoas seguen unha misa da mañá.

É a celebración da Santa Marta en Ponte Arnelas, punto de referencia no Salnés un día coma hoxe pero, polo que se ve, non este ano.

Desta só hai unha polbeira, que sempre veu pero que hoxe ten unha perspectiva distinta.

"Moi triste. Ben o vedes, non hai ambientiño ningún. Ben..., a ver. É que levamos catro meses sen traballar e sen gañar. E fai falta traballar. Non se pode estar parados. Por iso o intentamos. A xente ten medo. Normalmente collen o polbiño, pero sentan e cómeno nun minutiño. Con todo o que desinfectamos as mesas e todo, pero comen e marchan. Ou lévano xa para a casiña e cómeno alí", engade Aurora.

Amelia é clienta de sempre, pero desta volta sen a compaña de amistades e co polbo para levar.

"Vimos todos os anos os tres días e non comemos só polbo. Tamén vimos con amigos, pero este ano non quixeron vir. Mellor é comelo aquí. Na casa cando chega está máis remexido. Pero, sendo a calidade que é, sae ben sempre", afirma a clienta.

Esta polbeira do Carballiño amósase moi satisfeita coa acollida que tivo sempre neste lugar do Salnés e lembra que forma parte dunha saga que vén aquí sempre pola Santa Marta.

A agora xubilada conta que "xa viñan meus avós, viñan meus pais, viñamos nós desde meniñas. É toda unha vida. Eu creo que se non veño... Vender non vou vender moito porque non hai xente, pero se quedo na casa morro de pena. Entón veño igual. A ver que pasa... A xente a min aquí nesta zona toda quéreme moito. De feito son valedora do tinto de Barrantes. Mira que valedora do tinto de Barrantes, unha da montaña. A xente aquí quéreme e respéctanme moitísimo. E eu tamén os quero. Porque xa somos da familia, xa eran clientes de meus avós".

E como tal, dinos que cando chega a hora de levantar a tenda todo o mundo lle trae un cariño con forma de produtos da horta.

Noticias web

29/07/2020