CRTVG

Buscar

Aumentan un 30 por cento os enfermos crónicos pola pandemia

Publicado o 12/12/2020 14:49


Os expertos coinciden. En Galicia as enfermidades crónicas son un problema preocupante porque afectan o 40 por cento dos cidadáns, case a metade da poboación, e non todos son maiores de 65 anos. Aproxidamente entre un 15 e un 20 cento son xente nova que ten problemas crónicos de columna, asma ou colesterol, que a OMS non considera como enfermidades pero que se non se tratan poden matar. O problema agravouse coa pandemia. Moitos destes doentes quedaron desatendidos.

Antonio Pose, director da cátedra de Cronicidade da USC: "Aproximadamente coma un 30 por cento das persoas que tiveron a covid poden quedar con algunha patoloxía".

Por iso, o director da cátedra de cronicidade, impulsada hai un ano polo propio Antonio Pose e o exasesor de Obama Rafael Bengoa, cre que este é o momento ideal para afrontar cambios no sistema nacional de saúde á hora de atender estes enfermos.

"Necesitamos un sistema sanitario proactivo, un sistema non fragmentario non un que te atenda cando estás mal e que despois se esqueza. Non se pode esquecer, hai que estar conitnuamente detrás do paciente crónico e necesitamos tamén facer unha atención multidisciplinar".

Este profesor de medicina cre que deben implicarse médicos, enfermeiros, traballadores sociais, a familia e o propio afectado, que debe responsabilizarse e xestionar a enfermidade.

"Un paciente diabético sabe o que pode comer e o que non, sabe que ten facer actividade física, sabe que ten máis risco de infeccións. Todo isto hai que trasladalo a todo tipo de enfermidade crónica, facer que o paciente ademais de ser o centro sexa tamén o protagonista da propia enfermidade".

E ademais dos medios humanos tamén hai que avanzar na integración dos avances tecnolóxicos no sistema de saúde, a telemedicina. É un proceso que se acelerou pola pandemia e no que hai que investir para melloralo.




 

Noticias web

12/12/2020