CRTVG

Buscar

Aumentan os delitos relacionados coa heroína, pero sen que haxa moitos novos consumidores

Publicado o 07/05/2021 15:14

As operacións contra o narcotráfico destas semanas abren tamén unha dúbida: está repuntando a heroína en Galicia?. "Hai máis heroína na rúa", di Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico. "Aumentan as detencións por delitos de heroína, hai máis incautacións na última década", engade.

Porén, din que falta un indicador para confirmar un maior consumo, e é que non aumentan as persoas en tratamento nas unidades asistenciais.

"Estamos tratando persoas de idade avanzada, son reinicios de doentes que xa foron adictos no pasado", di Jesús Cancelo, o director da asociación de loita contra a droga Alborada, en Vigo. Afirma que "hai xente nova que se inicia no consumo", pero que non é "unha avalancha de casos alarmante".

Pero están atentos, porque hai un caldo de cultivo ideal para que repunte o consumo. "Nas drogas, a xente busca o olvido da dor, e estamos en ano de pandemia, a saúde mental decaeu" di Cancelo. "Hai un vello aforismo que di que, cando cae a economía, sobe a heroína, e iso preocupa porque todo o marco apunta a que pode darse un aumento significativo do consumo", apuntan dende a Fundación Galega contra o Narcotráfico. 

Celebran as operacións policiais que sacan droga da rúa, pero din que o oco que deixan se enche rápido. "Son milleiros de doses menos que entran na rúa, e iso é importante", di Alonso, "pero estamos a falar dun mercado sobradamente abastecido", engade. Na mesma liña fala Jesús Cancelo, que di que "cando alguén é detido, por outro lugar entran esas substancias".

A heroína é a cuarta substancia con máis doentes en rehabilitación en Galicia, despois da cocaína, o cánnabis e o alcol.