CRTVG

Buscar

Aumentan os contaxios en Italia, que conta xa 148 falecidos con coronavirus

Publicado o 05/03/2020 21:05

• A China e Corea do Sur frean a epidemia

Colexios e universidades baleiros en toda Italia. Dez mil estudantes na casa. O coronavirus logrou o que non puideran nin os bombardeos na II Guerra Mundial. Hai controversia científica sobre a eficacia da medida, pero para a maioría dos italianos é un sacrificio necesario.

"Créanos dificultades prácticas, pero parécenos xusto", explica unha nai.

Uns tiran de avós e outros contratan coidadores. O Goberno italiano anunciou unha partida de 7.500 millóns de euros en axudas para familias e empresas afectadas.

Italia segue a ser o principal foco europeo de contaxio. Os casos medran un 23% cada día. Hai xa 148 mortos, 41 só nas últimas 24 horas.

A Organización Mundial da Saúde móstrase preocupada polo incremento de países con casos. Sen citar ningún, denuncia que unha longa lista deles non está facendo o suficiente para frear a expansión do coronavirus.

"Isto non é un simulacro, nin o momento de renderse nin de poñer escusas. É o momento de actuar", advirte o director xeral da OMS.

O exemplo contrario está na China. Nas últimas vinte e catro horas, só rexistrou 143 casos, a maioría deles na provincia de Hubei, o centro da epidemia. Tamén se están reducindo en Corea do Sur, o segundo país con máis casos, algo máis de 6.000, pero só unha trintena de mortes.


 

Noticias web

05/03/2020