Aumentan os casos activos ata os 5.653 (+55) tras 424 novos contaxios
• Só descenden nas áreas da Coruña (-22) e Lugo (-8)
• Dispáranse os contaxios nas áreas de Vigo (+116) e Santiago (+101)
• A presión hospitalaria alíviase tras dous días de suba (-21)
Terceira xornada consecutiva con suba de casos activos. Galicia ten 5.653 persoas con coronavirus, segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, 55 máis ca onte. Houbo 424 novos contaxios, 380 confirmados por proba PCR.
ÚLTIMA HORA | Aumentan os casos activos ata os 5.653 (+55), tras 424 novos contaxios. Redúcese o número de persoas ingresadas nos hospitais (-18). Máis información https://t.co/qHSMmVo0RY pic.twitter.com/FwiDr67w90
— G24 (@G24Noticias) December 16, 2020
Por áreas sanitarias a repartición sería:
• Vigo: 1.343 (+14)
• Santiago: 1.054 (+49)
• A Coruña: 907 (-22)
• Pontevedra: 869 (+2)
• Ferrol: 570 (+8)
• Lugo: 462 (-8)
• Ourense: 448 (+12)
Baixa a presión hospitalaria
O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos redúcese respecto a onte: hai 354 persoas ingresadas, 301 en planta (-18) e 53 nas UCI (-3). Fréase, cando menos nesta xornada, a suba da presión hospitalaria que acompañou a repunta de hai dous días e mudou a tendencia favorable en Galicia.
Por desgraza, o número de vítimas continúa aumentando. Onte o Sergas notificou catro falecementos. O número de galegas e galegos finados por mor do coronavirus ascende a 1.323.
Os cribados masivos manteñen a positividade á baixa
As probas PCR notificadas polo Sergas volven aumentar, ata acadar a cifra récord do último mes: 9.026 probas (+994). O motivo está nos múltiples cribados masivos en varios concellos do país, cunha asistencia superior ao 75 % na maioría dos casos.
Así, Galicia supera hoxe o millón de probas PCR realizadas nesta pandemia, un número que, por suposto, non corresponde co número de persoas que fixeron a proba.
Das máis de 9.000 probas feitas, deron positivo 380, o cal revela unha taxa de positividade de 4,21 %. Está algo por riba da media da última semana -3,89 %-, que se consolida por debaixo do 4 %, un punto por debaixo do limiar máximo establecido pola OMS para dar unha pandemia por controlada.