Aumentan os accidentes de tractor co bo tempo
Son imaxes do último accidente de tractor ocorrido en Galicia. Nel, un home de 85 anos perdeu vida ao envorcar o seu vehículo mentres traballaba nunha leira da Estrada. Por desgraza, a imaxe repítese con bastante frecuencia, sobre todo cando chega o bo tempo. As causas son múltiples.
Óscar Pose, responsable de servizos de Unións Agrarias: "Temos un parque de maquinaria moi anticuado e iso provoca máis mortes pero tamén a poboación, as estatísticas din que os accidentes se concentran en xente de máis idade. E tamén a orografía, a pendente do terreo en Galicia vai a favor dese índice de sinistralidade"
Dos 8 falecidos en accidente de tractor neste ano en Galicia, a inmensa maioría tiñan máis de 70 anos. Son idades en que acumulamos moita experiencia. Pero tamén en que comezan a fallar os reflexos.
Ademais dende o ano 93, os tractores teñen que levar un sistema antienvorcamento. Pero aínda quedan activos moitos tractores vellos e pouco seguros.
Os expertos cren que hai que investir en concienciación e tamén en vehículos novos.
Oscar Pose, responsable de servizos de Unións Agrarias: "Campañas de concienciación axudan a evitar estes problemas e axudas para renovar este parque de vehículos agrícolas tamén son importantes".
Os sindicatos agrarios recomendan non facer manobras bruscas cos tractores, ser coidadoso nos terreos en pendente, usar todas as medidas de seguridade posibles e non usar o tractor para todos os desprazamentos.