A pandemia segue a remitir en Galicia nunha xornada sen falecementos
A evolución da pandemia en Galicia continúa sendo positiva, segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Porén, aumentou lixeiramente a cifra de persoas ingresadas con covid−19, que esta semana baixaron dos 50, algo que non sucedía dende xuño.
Nos hospitais hai 34 persoas ingresadas en planta, tres máis ca o día anterior, e tamén hai un paciente máis na UCI, onde quedan dez. A área de Ferrol mantense sen pacientes e a de Ourense ten só un en coidados intensivos.
Canto aos contaxios, este sábado detectáronse 30 positivos, na media desta semana. Ferrol foi a única área que non rexistrou ningún caso novo. De feito, alí só quedan cinco persoas coa infección activa.
Só a área da Coruña, con 156 novos casos, e Vigo con 105 teñen neste momento máis dun cento de persoas pasando a enfermidade.
O Sergas non notificou ningún falecemento este domingo. No que levamos de mes morreron tres persoas infectadas.