Aumentan as vendas de capón de Vilalba, malia que non se celebra a tradicional feira
Publicado o 20/12/2020 13:50
Os capóns xa están dispostos para que os clientes veñan buscalos. Este ano non se levan á feira. Suspendeuse para evitar aglomeracións e contaxios da covid. Ademais, as normas derivadas da situación sanitaria impiden a súa celebración.
É un ano atípico, pero no que se refire ao capón segue tendo moitos adeptos.
Oliva, unha produtora veterana, criou este ano a mesma cantidade de capóns de sempre, cento dez, pero mantén que se tivese máis, tamén os vendería. Mesmo se interesou por eles xente de fóra de España.
Os envíos fanse a onde os demanden. Boa parte dos capóns van nunhas caixas que este ano cede o Concello vilalbés, para contribuír a divulgar as bondades deste produto que este ano, por primeira vez, queda sen feira.