CRTVG

Buscar

Aumentan as restricións en Valdeorras pola eclosión de casos

Publicado o 14/04/2021 14:40

A de Valdeorras é unha das comarcas que máis preocupan ao comité clínico da Xunta. Carballeda vai seguir en nivel máximo de restricións, e o aumento da incidencia pon desde o venres outros dous concellos da zona en nivel alto: o de Rubiá, onde hai 3 casos, e o do Barco de Valdeorras, onde hai 22 casos a día de hoxe. Se sumamos Carballeda, entre os tres achéganse ao medio cento de casos, e todo en cuestión de días, porque hai unha semana a incidencia era practicamente nula. Para contrarrestar esta situación, haberá un cribado masivo en que, por primeira vez, os veciños se poderán apuntar voluntariamente.

Con dous casos máis ca onte, a cifra de contaxios no Barco de Valdeorras segue aumentando. O mesmo ca en Carballeda, que xa vai por 17.

"Eu penso que, se en Semana Santa fixesen o que tiñan que facer, agora estariamos un pouquiño mellor", di unha veciña.

O responsable do centro de Saúde do Barco atribúe a expansión do virus a dous factores: que se trata da cepa británica, de rápido contaxio, e o transporte colectivo que se emprega para subir ás canteiras da lousa.

"Segundo oín, hai 35 persoas, que son demasiadas. Se non se corta, a ver a que chegamos nunha semana!". "A min preocúpame moito, pero nunca deixei de facer a miña vida porque, se non, é peor o da cabeza que a covid", comentan dous veciños.

Ao pasaren ao nivel alto de restricións, no Barco e en Rubiá volve pechar, a partir do venres, o interior dos locais de hostalería. O obxectivo dos responsables sanitarios é controlar a expansión identificando os casos ocultos, asintomáticos. O sábado farán, no pavillón polideportivo do Barco, un cribado masivo que, por primeira vez, promoverá a inscrición voluntaria, a través da web de coronavirus da Xunta.

Carlos Revuelta, xefe de Servizo do Centro de Saúde do Barco: "Para evitar que existisen moitos pacientes que fosen convocados e non asistisen. Agora vaise permitir, por primeira vez en Galicia, que os propios doentes se inscriban".

Faranlles a proba a todos os que se apunten, aínda que sexan máis de 3.000. Se son menos, os restantes serán citados por sorteo.

Noticias web

14/04/2021