Aumentan as reclamacións por irregularidades no alugueiro de vehículos
Consellos para evitar problemas cando se asinen este tipo de contratos
Contrátanse fundamentalmente nas vacacións de verán, sobre todo, por Internet, e o resultado non sempre é satisfactorio. As organizacións de consumidores rexistran un incremento notable de reclamacións por problemas co alugueiro de vehículos.
O asesor xurídico da Unión de Consumidores de Galicia, Félix Caramés, explica que están chegando denuncias por distintos motivos.
"Desde que unha vez contratado o vehículo, atrásanse un pouco na recollida e ao chegar xa non o teñen dispoñible, ata custos desproporcionados por pequenos danos".
Ademais, son habituais as confusións coas coberturas dos seguros. Discrepancias sobre o modelo de vehículo, o lugar de entrega ou mesmo se debe devolverse co depósito cheo son problemas que poden arruinar unhas vacacións e que se poden evitar facilmente se atendemos unha serie de cuestións. En primeiro lugar, antes de asinar o contrato.
"Que as condicións do alugueiro, de custos, duración, recollida e entrega do vehículo estean moi claras e especificadas no contrato", recomenda Caramés.
E unha vez que están todos estes aspectos claros, xunto coas coberturas do seguro do vehículo, tomar unha serie de precaucións na recollida e na entrega.
Na recollida, explica Caramés, "que se deixe constancia de posibles danos, deterioracións ou avarías que poida ter o coche, e igualmente, na entrega, que nos acompañe un dos responsables da empresa para comprobar o estado en que se devolve o vehículo e, en caso de non ser posible, sacarlle fotos".
Cuestións sinxelas que poden marcar a diferenza cando alugamos un coche.