CRTVG

Buscar

Aumentan a catro as escolas infantís e a 67 as aulas pechadas pola covid-19

Publicado o 15/12/2020 18:00
Aumentan a catro as escolas infantís e a 67 as aulas pechadas pola covid-19

As cifras da incidencia da covid-19 nos centros educativos experimentaron unha leve repunta respecto da pasada semana. De feito, incrementouse tanto o número de casos activos como de aulas afectadas e centros que se viron obrigados ao peche debido á pandemia.

Polo menos catro escolas infantís atópanse clausuradas por directrices das autoridades sanitarias. A última delas foi Barrio Sésamo 4, do municipio de Lugo, tras detectarse un positivo nas súas instalacións.

As outras tres gardarías seguen pechadas desde a pasada semana. En concreto, trátase da escola infantil Chiquis de Pontevedra e Cáritas Tui-Vigo, esta última da cidade olívica, ademais da Ludy de Ferrol, que conta tan só con dous positivos.

O total de casos activos incrementouse, pasando dos 848 contabilizados o sábado a 902 este martes, do mesmo xeito que as aulas pechadas nos centros educativos, de 48 a 67 (case unha vintena de diferenza). O punto de maior incidencia atópase na zona de influencia da Coruña.