Aumenta o peche de comercios en Lugo e na Coruña
A perda de ingresos de boa parte da poboación por causa da crise derivada do coronavirus e as restricións de apertura están levando por diante moitos dos pequenos establecementos comerciais, especialmente no centro das cidades. Na Coruña son o 42% os locais que están pechados a día de hoxe e en Lugo xa superan o 30. Unha medida que podería frear esta tendencia sería unha aposta pola correcta urbanización dos barrios comerciais.
Pablo Ruiz, secretario de ACESGA: "Dinamizar os barrios, peonalizar e iluminar mellor e inculcar na xuventude o espíritu de barrio e apoiar o emprendedor."
O elevado prezo dos alugueiros, o incremento exponencial das vendas por internet e a perda de poboación no centro das cidades tamén danan o comercio tradicional. Problemas de difícil solución que están a abocar a numerosos peches e ceses de actividade. No centro de Lugo perdéronse 10.000 habitantes en 30 anos e aínda así é habitual ver comercios que pagan máis de 6.000 euros ao mes de alugueiro.
José L. Pérez, presidente de Lugo Centrum: "Entendo que queiran cobrar. Pero é mellor gañar cen que non gañar nada. Teñen que amoldarse aos tempos actuais."
A aposta pola calidade e o trato persoal son outras medidas apuntadas polos comerciantes para tentar evitar o abandono dos centros urbanos.