CRTVG

Buscar

Aumenta o gasto social nuns presupostos que só contan co apoio do PSOE

Publicado o 14/01/2019 20:48

As contas do Goberno Sánchez chegan ao Congreso. O gasto social leva o 57% das partidas. As pensións , 42 de cada 100 euros, pero hai máis cartos para dependencia, educación, bolsas de estudos, emprego xuvenil e para erradicar a pobreza infantil. O Goberno pretende afrontar o forte incremento do gasto, o maior en dez anos, cunha recadación récord de impostos, que, asegura, afrontarán as rendas máis altas.

"Uns orzamentos que avogan pola xustiza social e levan a recuperación económica aos colectivos máis castigados durante a crise, fronte aos que se esqueceron deles co seu receitario de austeridade", asegura María Jesús Montero, ministra de Facenda.

Dispáranse os investimentos para Cataluña, 700 millóns máis co ano pasado, pero Esquerda e PDeCat seguen remisos a apoialos.

"Se mañá Esquerra Republicana tivese que votar estes orzamentos diría que non", dixo Gabriel Rufián.

"Sen ese avance ao conflito político en Cataluña é dificil, por non dicir imposible", aseguran no PdeCat.

E Podemos supedita o apoio ao cumprimento do pactado co Goberno.

"Se non se cumpre punto por punto o acordo orzamentario asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, non vai haber presupostos xerais do Estado", afirma Irene Montero.

PP e Ciudanos critican duramente as contas. Cren que dispararán o déficit público e ameazan con tombalas na primeira votación.

"Son uns orzmentos malos para España", afirma o secretario xeral de Ciudadanos.

"Devólvennos aos peores tempos de Zapatero, á 'zapaterización' da economía, á crise económica", dixo Dolors Montserrat, do PP.

Con todo, no PSOE manteñen o optimismo e cren que os presupostos do Estado superarán o trámite no Congreso.

 

Noticias web

14/01/2019