CRTVG

Buscar

Aumenta o consumo de pornografía entre os menores cando non hai unha educación afectivo-sexual axeitada

Publicado o 16/02/2020 15:08

A sexualidade é un elemento fundamental na construción da identidade humana e a educación neste ámbito condiciona a saúde emocional e afectiva dos cativos e despois tamén na idade adulta. As novas tecnoloxías e as redes sociais son para a rapazada neste momento un mar de información onde buscar respostas e tamén unha fonte importante de confusión.

"Eles teñen moito interese, máis que pola pornografía pola sexualidade. A cuestión é que nas súas buscas o que atopan son contidos pornográficos. E aquí é onde se dá a distorsión. Se o que están buscando é polo seu interese na sexualidade e o que atopan como resposta a esa interrogante é pornografía, están atopando unha falsa resposta a un interese lexítimo." Di Ricardo Fandiño, presidente da Asociación para a saúde emocional na infancia e na adolescencia.

Esa resposta virtual non se traduce en relacións afectivo-sexuais sas e respectuosas. Reforza valores violentos, estereotipos de xénero e crea expectativas irreais das relacións sexuais. O espazo de aprendizaxe de nenas e nenos debera ser outro.

"Debería estar nas familias, debería estar por suposto nas escolas e por suposto nos medios de comunicación, tratado desde unha perspectiva seria, científica, aberta e contemporánea. Desafortunadamente iso non é así. Probablemente esteamos vivindo un momento de certa polarización: por un lado cara a unha evolución máis contemporánea e avanzada, aceptando a igualdade e a diversidade;pero por outro lado tamén cara a valores máis regresivos de tempos que xa pensabamos que estaban pasados pero que volven, con todo o tema que ten que ver coa violencia sexual."  Di Ricardo Fandiño, presidente da Asociación para a saúde emocional na infancia e na adolescencia.

Hai polo tanto unha responsabilidade compartida para axudarlles aos adolescentes a entender aquilo que xa cren que saben e a vivir a súa sexualidade desde a liberdade e o respecto aos demais.
 

Noticias web

16/02/2020