CRTVG

Buscar

Tres mortes en Galicia nunha xornada en que soben os ingresos e baixan os casos

Publicado o 20/03/2021 20:23

• Hai seis persoas máis ingresadas, 258, pero cun alivio nas UCI, con 53 (-2)

• Os positivos diarios son 161, con 27 contaxios menos que o xoves

Sanidade notifica nas últimas horas a morte de 3 persoas por mor da covid. Trátase de dous homes de 84 e 74 anos, que faleceron no CHUO o pasado venres. Así mesmo, unha muller de 99 anos faleceu este sábado no CHUVI. Todos eles tiñan patoloxías previas. Con estes datos a cifra total de falecidos ascende a 2.319 dende o inicio da pandemia en Galicia.

A evolución da pandemia da covid en Galicia estáncase xa en plena ponte de San Xosé e os casos activos caen de xeito lixeiro e sitúanse en 2.563 ás 18 horas do venres, que son 12 menos que a xornada anterior.

Prodúcese un incremento da presión hospitalaria, con 258 persoas ingresadas, que son 6 máis respecto do xoves. O aumento dáse en planta, con 8 pacientes máis, 205, mentres que se reduce de xeito leve o número de enfermos que precisan UCI, son 53, dous menos que a xornada precedente.

Os contaxios diagnosticados por PCR son 173, un máis, aínda que os positivos diarios caen ata 161 nas últimas 24 horas, 27 menos que no último rexistro. As probas PCR recollen os contaxios que non teñen que ser novos casos sempre, porque se a alguén que positiviza nun día se lle repite a proba e dá positivo, sería o mesmo caso e non outro novo, como explica Sanidade.

Situación por áreas sanitarias

A análise de cada unha das demarcacións sanitarias revela unha disparidade na situación epidemiolóxica respectiva. A Coruña e Vigo concentran a maioría das infeccións activas. Na Coruña resístese a barreira do milleiro de casos, aínda que se reducen en 10 e tamén en oito os contaxios (51). En Vigo baixan as PCR positivas, con 16 menos, e quedan en 26, mantéñense os ingresados en UCI en 12 e soben as hospitalizacións, en sete, ata as 49 persoas en planta. Os casos estáncanse na mesma cifra que a xornada precedente, 487.

 

A Coruña: 1.007

Ferrol: 213

Lugo: 216

Ourense: 159

Pontevedra: 210

Santiago: 271

Vigo: 487