CRTVG

Buscar

Aumenta a demanda dos servizos de taxi, logo de meses cunha actividade de mínimos

Publicado o 17/06/2020 13:35

Estiveron tan parados como os que máis durante o confinamento, malia que podían traballar. Nalgúns casos, as poucas viaxes que facían tiñan carácter solidario. Agora os taxistas van recobrando dinamismo pouco a pouco. E desde esta semana xa poden ocupar todos os asentos traseiros.

O movemento de taxis vai aumentando tras pasar a reclusión xeral pola pandemia co servizo ao cincuenta por cento en toda Galicia. Non todos os condutores quixeron incorporarse ao traballo, segundo o presidente de Fegataxi.

Manuel Sánchez, presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia: "Nos datos que temos da central, vemos que cada día vai subindo o número de clientes cada día. Hai momentos de máis demanda que outros, pero en xeral vai subindo. Cando vimos dunha situación así, en que todo negocio para, pois nós somos parte desa cadea. Na fase 3 xa saímos todos a traballar, quen quixo e puido. Pero imos paulatinamente, porque de golpe, porque é imposible".

Desinfección e máscara forman parte agora da rutina. Iso si, teñen que deixar libre a praza dianteira.

Sánchez explica que "xa podemos ocupar todos os asentos de atrás sen necesidade de que sexan persoas que comparten vivenda, e dentro duns días pasaremos á totalidade das prazas. Débese traer sempre máscara, como a debe levar quen conduce o taxi, e levar medidas de protección como líquidos para pasarlles ás manillas, ventanillas e mesmo asentos despois de cada servizo. Ao principio non tiñamos medios nin xeito de conseguilos".

E comparando con antes da COVID-19, segundo o presidente de Fegataxi, agora hai máis usuarios que pagan con tarxeta.

Noticias web

17/06/2020