CRTVG

Buscar

Aumenta a demanda de cestas de Nadal

Publicado o 11/12/2020 21:00

Todas estas cestas xa están preparadas para saír, pero o traballo non cesa nesta distribuidora de Lugo. A tradición das cestas de Nadal mantense viva e este ano mesmo subiron as vendas para compensar a falta das reunións de Nadal.

"Nós levamos un 15%máis de encargos e aínda queda. A xente o que pretende é ter un agasallo cos seus empregados e como non pode haber esas comidas que todos desexamos a xente está investingo en detalles", sinala Xesús Morandeira, xerente dunha distribuidora de bebidas e alimentación.

As cestas fanse personalizadas, adaptadas a todos os gustos e petos e hai dende pequenas bandexas con produtos gourmet ata grandes cestas con xamón ibérico.

"Adoitan ser duns 500 euros as máis altas e despois a partir de 50 euros xa se pode facer unha boa bandexa", sinala Esther Morandeira, administradora dunha tenda de produtos 'delicatessen'.

Aquí non faltan clásicos do Nadal como o turrón ou o panetone, tamén adoitan levar conservas, marmeladas ou espárragos. Non faltan embutidos ou queixos e como non os viños. Hai variedade entre a que escoller, pero cada vez triunfan máis os produtos galegos.

"Si que se notou unha caída do cava, o champaña francés segue tendo percorrido, pero de todos os xeitos o espumoso galego leva a auréola este ano", sinala Xesús Morandeira, xerente dunha distribuidora de bebidas e alimentación.

"As marcas galegas triunfan sempre e se a cesta vai para fóra triunfa máis. Aos clientes gústalles moito o turrón galego, os viños, os queixos de San Simón ou Arzúa", sinala Esther Morandeira, administradora dunha tenda de produtos 'delicatessen'.

Elaboran grandes lotes para empresas, pero tamén encargas individuais para familiares e amigos, un exquisito agasallo tradicional para un Nadal atípico.
 

Noticias web

11/12/2020