CRTVG

Buscar

Aumenta a carga vírica na EDAR de Bens, e podería anticipar un aumento da incidencia da covid na área da Coruña

Publicado o 16/04/2021 15:35

As augas residuais que tratan na estación de Bens son un medidor da incidencia da pandemia na área metropolitana da Coruña. O proxecto CovidBens analiza a carga viral que conteñen. Os datos de abril revelan que o virus vai en aumento.

"Estamos vixiando intensamente porque podería corresponderse cunha nova onda de casos", explica Marga Poza, coordinadora do proxecto CovidBens.

No ano que leva de andaina, o proxecto xa demostrou que pode anticiparse ás vagas do virus. Pasada a meseta de febreiro e marzo, agora a curva da carga viral volve medrar. Pero aínda non hai unha repunta clara dos casos activos, o que pode deberse a dous actores novos neste escenario.

"Por unha banda, a variante británica, que se contaxia a moita velocidade", di Poza. Engade que coa vacinación "aumenta o número de asintomáticos", e iso podería explicar "por que non hai unha repunta de casos no hospital". 

En relación coa presenza de coronavirus nas augas, outro proxecto, neste caso da Universidade de Santiago, acaba de detectala por primeira vez en organismos mariños. Foi en mostras de ameixa e non terían risco ningún para a saúde, pero confirman que o arn do virus pode alcanzar os ecosistemas costeiros.

 

Noticias web

16/04/2021