CRTVG

Buscar

Aumenta a actividade sísmica na Palma, con máis de cen terremotos nas últimas horas

Publicado o 05/10/2021 21:44

Aumenta a actividade sísmica na Palma. Nas últimas 24 horas producíronse máis dun cento de terremotos. O volcán non dá tregua e ameaza a supervivencia dos principais sectores económicos: a agricultura e o turismo.

A produción de plátano estase vendo moi afectada pola erupción, que soterrou hectáreas de plantacións. E as vilas turísticas pechan no mes de auténtica temporada alta. Porque en outubro é cando empezan a chegar os turistas alemáns, os que máis diñeiro deixan nas illas.

A terra treme na Palma máis ca nunca. En só 24 horas, houbo máis dun cento de terremotos. É unha situación que causa alarma, pero os vulcanólogos din que é normal nunha erupción. A columna de gases e cinsas que expulsa o Cumbre Vieja chega aos catro km de altura e a calidade do aire empeorou nas últimas horas.

Este martes un grupo de xornalistas tiña que abandonar Puerto Naos a toda velocidade debido á chuvia de piroclastos. Esta vila costeira estaría empezando agora o mellor da súa tempada turística, a época en que chegan os primeiros viaxeiros alemáns. Porén, está pechada e silenciosa coma unha cidade fantasma, e o seu paseo marítimo nin se ve por debaixo da cinsa. 

O outro piar económico da Palma, o cultivo de plátanos, tamén se está resentindo pola erupción. Hectáreas de plataneiros quedaron soterradas. Outras precisan regas urxentes. E nas que producen, hai que limpar a froita, chea de cristais de lava. Ante tal desastre, na Palma cren que todas as axudas que se aproben serán insuficientes.

O traballo dos científicos céntrase agora en vixiar o comportamento do volcán e en monitorizar a temperatura das coadas. Porque baixo o manto negro formáronse varios tubos volcánicos e a lava corre por eles a gran velocidade. 

O traballo dos científicos céntrase en seguir vixiando o comportamento do volcán para evitar perdas humanas e minimizar no posible as perdas económicas.

Noticias web

05/10/2021