CRTVG

Buscar

Audasa rexeita o plan de rebaixas previsto polo Goberno na AP-9

Publicado o 09/06/2021 15:14

O Ministerio de Transportes marcara o mes de xullo para a chegada dos descontos na AP-9. Pero vai haber atrasos, e agora xa traballan co horizonte do 31 de xullo. A concesionaria Audasa rexeitou o plan de rebaixas previsto polo Goberno. Non houbo acordo na fórmula para restar dos ingresos parte do "tráfico inducido" que gañará a autoestrada coas tarifas máis accesibles. Era un dos puntos críticos da negociación, e o que vai complicar os trámites. 

Para a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ese desacordo sobre o tráfico inducido "era previsible" e tiña que estar previsto que ía requirir máis trámites. Trámites que aínda non ten comunicación oficial de que se iniciaran: "Para nós é unha mala noticia que aínda non se iniciaran trámites como o informe do Consello de Estado", un atraso que pode implicar "que se está a incumprir esa palabra dada de que esas bonificacións se implanten no mes de xullo".

Tampouco están pechadas aínda as bonificacións para os profesionais do transporte pesado, que demandan rebaixas de ata o cen por cento das peaxes. "Estaría xustificado que o transporte pesado non pagara peaxe na AP-9", di Iago Domínguez, xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia. Polo estudo que fixeron, asegura que "en ningún caso a bonificación pode estar por baixo do 55 por cento", xa que nese punto equipararíanse os custos de viaxar pola estrada e pola autoestrada. Calculan que a AP-9 incrementa os custos do transporte nun 50 por cento, restándolle competitividade ao sector en Galicia.

Noticias web

09/06/2021