CRTVG

Buscar

Atropela un policía en Lugo que ía detelo por tráfico de drogas

Publicado o 09/04/2021 13:19
Atropela un policía en Lugo que ía detelo por tráfico de drogas

Un suposto traficante de drogas atropelou co seu vehículo un axente no momento en que ía detelo, coa axuda doutros membro do Corpo Nacional de Policía. Segundo informa a Comisaría Provincial, o home tentou fuxir do lugar "a gran velocidade" e con "grave risco para os demais usuarios da vía", xa que chegou a ocupar o carril contrario e saltarse varios semáforos en vermello.

Sucedeu no Polígono do Ceao, aínda que o sospeitoso, un veciño de Lugo de 41 anos sen antecedentes por tráfico de drogas, foi interceptado na zona das Gándaras. Alí foi "acurralalo" grazas á participación de todas as unidades policiais que estaban de servizo na persecución. 

A investigación comezou tras as queixas de diferentes entidades, asociacións e particulares pola posible venda de drogas nas inmediacións dun centro educativo na Ronda de Fontiñas dun home que se desprazaba nun vehículo vermello.

A Policía Nacional puxo en marcha un dispositivo de vixilancia que lle permitiu confirmar que, "efectivamente", o sospeitoso se dedicaba á venda de substancias estupefacientes, polo que foi interceptado no Ceao cando pechaba unha desas transaccións.

Na operación, a policía interveu dúas básculas de precisión, oito teléfonos móbiles, 28 doses de cocaína, dez pastillas de éxtase, unha pequena cantidade de haxís, seis doses de marihuana e 725 euros en efectivo, supostamente froito da venda de droga.

Tras pasar a disposición da autoridade xudicial, o detido ingresou en prisión.