CRTVG

Buscar

Atrasos de varios meses na entrega de mobles por desabastecemento

Publicado o 21/10/2021 14:41

O desabastecemento no mercado da madeira afecta os prazos de entrega dos mobles e tamén os prezos,  que varían en cuestión de días. Hai unha acumulación de causas, as primeiras remóntanse aos inicios da pandemia: os paros de produción polos ERTE e o confinamento, ao que se foi sumando o encarecemento dos combustibles, o incremento da demanda na China e nos Estados Unidos e o colapso do transporte marítimo.

A consecuencia é ese encarecemento das materias primas e os atrasos no abastecemento do mercado. Algo que antes tardaba uns trinta días, agora pode prolongarse durante meses. Entre o traballo do serradoiro e o momento en que a madeira chega transformada ás moblerías, pasan meses.

Os procesos que envolven o mercado do moble freáronse abruptamente no último ano e os profesionais do sector auguran un empeoramento cara ao Nadal, especialmente nos mobles de importación.

Iria Feijóo, de Mobles Feijoo, di que "non podemos dar prazo. Agora mesmo, se non está almacenado, non podemos dar prazo de entrega porque non se sabe. Poden dicirche quince días e despois, polo que sexa, ese barco atrásase".

O desabastecemento repercute nos prezos, que se antes subían unha ou dúas veces ao ano, agora flutúan por días.

Johsuha Domínguez, da empresa Cociñas Forneiro, explica que "un taboleiro mariño, rechapado en carballo, levaba moito tempo roldando os 90 euros e, nestes últimos meses, está nuns 200 euros".

Escasean a madeira e o resto das materias primas. "Por exemplo, antes pediamos un paquete de taboleiro para facer armario de cociña e servíano en 2 días. O último que pedimos, tardou dous meses", relata Joshuha.

Con provedores nacionais, os prazos de entrega roldan o mes e medio, que se pode alongar ata cinco meses nos mobles de importación.

Noticias web

21/10/2021