Atrásase a constitución da Deputación de Lugo
No concello de Lugo o PP agarda os resultados das conversas entre PSOE e BNG. Os populares subiron dez concelleiros fronte ao PSOE, que quedou cos oito que tiña. É unha maioría insuficiente para gobernar. Con todo, o voceiro popular reivindica o papel da lista máis votada.
Ramón Carballo, PP de Lugo: "Todo apunta a que tanto o BNG como o PSOE van chegar a un acordo para formar goberno, pero entendemos que esa non foi a vontade dos lucenses, que fixeron unha clara sanción á acción de goberno do partido socialista".
Atrásase a constitución da Deputación de Lugo. Non pode saír adiante ata que se resolva o recurso do PSOE de Monterroso para que lle dean por válido un voto considerado nulo.
Un recurso do PSOE de Monterroso pode demorar a constitución da Deputación de Lugo. O recurso non afecta a gobernabilidade do concello, pactada xa entre independentes e Partido Popular, pero atrasaría ata un mes a nova corporación provincial.
Así, os dous candidatos socialistas a presidir a Deputación disporán de máis tempo para seguir recadando apoios. Tanto o actual presidente, Darío Campos, como o aspirante e alcalde de Monforte, José Tomé, manteñen contactos nas comarcas luguesas para asegurarse o apoio dos concelleiros socialistas. O secretario xeral do PSdeG pediulles mirar polo ben colectivo.
Independentemente do número de apoios de cada aspirante, será a dirección nacional do partido a que decida quen accede á presidencia.