CRTVG

Buscar

Atracan unha sucursal de Abanca en Campo Lameiro

Publicado o 04/03/2020 13:35
Atracan unha sucursal de Abanca en Campo Lameiro

A Garda Civil investiga o atraco que se rexistrou este mércores nunha sucursal bancaria de Abanca no municipio pontevedrés de Campo Lameiro.

Fontes da investigación confirmaron que o autor do atraco, un home que accedeu á oficina coa cara tapada e unha carapucha, deuse á fuga tras apropiarse duns 3.000 euros, segundo as primeiras estimacións.

Axentes da Garda Civil estableceron un dispositivo de procura para localizar ao autor do atraco, que cometería pouco despois das nove da mañá.

O home, sinalan estas mesmas fontes, entrou na oficina bancaria e sen mediar palabra entregou unha bolsa á empregada da sucursal e indicoulle, mediante xestos, que metese nela o diñeiro que había na caixa.

O atracador non tiña ningunha arma visible, segundo recoñeceu a propia empregada, pero os investigadores non descartan que a levase oculta.

Tras roubar na sucursal, onde nese momento non había clientes, o home fuxiu sen ferir a traballadora.