Atracan un menor e detéñenos cando saltaban o toque de recollida para facer 'botellón' na mesma zona de Lugo
Cando volvía para a súa casa a última hora da tarde, un menor sufriu un atraco na zona comprendida entre San Roque e As Fontiñas, en Lugo. Segundo denunciou, intentaron roubarlle o móbil, e no forcexo colléronlle o anel de ouro que levaba posto. Unha vez que o seu pai deu aviso á policía, os axentes non tardaron en dar cos presuntos asaltantes.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Debéronse de ocultar nese momento nese xardín, onde ás once e media se oía a xente falar. Entón a patrulla foi andando ata o lugar e puido ver estes dous homes, que concordaban perfectamente coas características que nos achegaran en canto á altura, á complexión e á roupa que levaban. Ademais, no cacheo que se lles fixo portaban o anel que lle quitaran ao rapaz".
Tratábase de dous mozos, de 22 e de 30 anos, que pasadas as once da noite estaban a facer botellón na mesma zona onde supostamente se producira o roubo con violencia. Por tanto, ademais de detelos, os axentes tamén os sancionaron por incumprimento do toque de recollida.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "No cacheo tamén se lles interveu unha arma branca dunhas dimensións bastante importantes e foron propostos para sanción por estar icumprindo o límite horario establecido polo estado de alarma".
Os detidos, que tiñan antecedentes por feitos similares, xa foron postos a disposición da xustiza.