CRTVG

Buscar

Atraca no porto de Vigo o primeiro gran transatlántico do ano

Publicado o 13/09/2021 11:09
Atraca no porto de Vigo o primeiro gran transatlántico do ano

O cruceiro Marella Explorer chegaba ás 7 da mañá a Vigo procedente de Southampton. Trátase dun transatlántico de 264 metros de eslora e con capacidade para case 2.000 pasaxeiros. Desta vez, debido á covid, só viaxan 600 turistas a bordo.

O peirao de cruceiros de Vigo recobra a actividade despois dunha longa parada. Non houbo escalas de grandes transatlánticos dende febreiro de 2020. A primeira foi a do SeaDream, un pequeno cruceiro con 100 pasaxeiros.

As navieiras reprogramaron as escalas de todo o ano para este mes, outubro e novembro. A previsión é de 15 cruceiros neses meses e 4 en decembro. A data forte será o 21 de outubro cunha tripla escala de transatlánticos.

A hostalería e o comercio vigués agardaban con ansiedade o momento de recuperar o tráfico de cruceiros, que ten unha importante repercusión económica na cidade. Así pois, reciben cos brazos abertos ao Marella Explorer, que partirá ás 6 cara a Málaga.

Noticias web

13/09/2021