Atopan unha muller morta tras un incendio no interior da súa vivenda en Cangas
O suceso produciuse contra ás 12:30 do mediodía deste mércores. Foi un familiar da vítima quen alertou os servizos de urxencia. Acababa de encontrar a muller sen vida dentro do inmoble, localizado na Rúa Baselar, na localidade de Piñeiro, no concello pontevedrés de Cangas.
Solicitouse a intervención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros do Morrazo e dos efectivos de Protección Civil da localidade. Pero unha vez no lugar, os equipos de emerxencia soamente puideron confirmar o seu falecemento.
#AXEGAInforma que foi atopado o corpo sen vida dunha muller tras producirse un incendio no interior da súa vivenda en Cangas. Os equipos de emerxencia só puideron confirmar o seu falecemento. As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias do suceso.https://t.co/XN91NOuGk2 pic.twitter.com/vhyYiKE1VM
— 112Galicia (@112Galicia) January 13, 2021
De acordo co relato dos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, na vivenda había algúns mobles consumidos polo lume nas proximidades dunha cheminea e a cociña estaba tomada polo fume.
A investigación policial en marcha determinará se, como parece, a muller afogou co fume que os servizos de emerxencias mobilizados atoparon no interior da súa casa. O 112 Galicia recibiu o aviso pouco despois do mediodía, cando, como decote, a familia de Josefa acudía a visitala. Deron con ela sentada a carón da cociña de ferro. O suceso pasou desapercibido na veciñanza da rúa Baselar.
A policía e os bombeiros atoparon restos de madeiras queimadas ao redor da cociña. A anciá, de 87 anos de idade, vivía soa nesta casa de Aldán.