Atopan unha muller morta en Valencia e prenden a filla e o mozo como sospeitosos
A Garda Civil atopou o corpo sen vida da muller, duns 45 anos, no seu domicilio de l'Alcudia de Crespins, en Valencia. Segundo membros da investigación, a vítima levaba días morta na casa e presentaba sinais de violencia e feridas de arma branca.
Axentes da Garda Civil prenderon a súa filla , de 19 anos, e o mozo desta, de 18, como posibles autores do crime.
O cadáver foi descuberto grazas ao aviso dun veciño, que alertou as autoridades polo forte cheiro que saía da casa da vítima. Amais, outros veciños estaban tamén estrañados porque había tempo que non vían a muller.
"Eu preguntáballe á filla pola nai e dicía que estaba ben, que agora tiña mozo... e resulta que xa estaba morta", di unha veciña.
Ambos os dous sospeitosos atópanse arestora en dependencias policiais, á espera de que se lles tome declaración e se practique a autopsia nas próximas horas.