CRTVG

Buscar

Atopan sen vida o corpo dunha muller e do fillo da súa parella entre os cascallos en Peñíscola

Publicado o 26/08/2021 21:39

• Un terceiro membro da familia, outro mozo, foi rescatado con vida

• O inmoble de tres alturas colapsou parcialmente na tarde de onte

EFE/ Domenech Castelló

Pouco despois das seis da tarde os equipos de rescate recuperaban o cadáver da segunda vítima mortal. Unha muller de orixe cubana que vivía permanentemente no edificio coa familia.

O fillo da sua parella, un rapaz duns 15 anos, foi rescatado sen vida esta mañá. De madrugada, o seu propio fillo, de 26 anos, puido sair con vida e recupérase na UCI dun hospital de Castellón. O home estaba fora da vivenda no momento do sinistro

O alcalde de Peñíscola di que foi unha situación brutal e declarou mañá dia de loito oficial.

Un mozo de 26 anos foi rescatado durante a pasada madrugada e está estable na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Comarcal de Vinaròs. Atopábase consciente e puidera comunicarse cos equipos de rescate.

Este mozo residía no edificio sinistrado xunto á súa nai e a parella dela, cuxo fillo é o menor de 15 anos localizado sen vida entre os entullos na mañá deste xoves. Os equipos de rescate atoparon o seu corpo sen vida esta tarde.

Emerxencias mobilizou un equipo psiscosocial para atender a familia do menor. Durante a noite, un total de 140 efectivos dos distintos servizos de emerxencia e seguridade coordinados e dirixidos desde o Consorcio Provincial de Bombeiros de Castelló estiveron traballando no operativo de busca das persoas no edificio colapsado.

Os veciños foron desaloxados e desde as forzas de seguridade pedíase non acudir á zona e deixar libres os accesos para o paso dos servizos de emerxencias. Arredor de 30 familias de máis de 50 vivendas foron realoxadas en diferentes hoteis.

O derrubamento do edificio de tres alturas ocorreu a últimas horas da tarde pasada por causas que aínda se están investigando, pero descártase que houbese algunha explosión.

Colapsou coma un dominó

O edificio tiña 30 anos de antigüidade e colapsou "bastante rápido", coma se fose "un dominó". Así o indicou a EFE o director xeral de Calidade e Rehabilitación da Conselleria de Vivenda, Alberto Rubio, quen coordina o equipo deste departamento da Generalitat que se desprazou a Peñíscola para revisar o estado das 18 vivendas do edificio que colapsaron e das do resto da urbanización Font Nova.

Segundo sinalou, trátase dun edificio cuxo proxecto data de finais dos anos 80 e que se construíu a principios dos 90, cun tipo de construción baseado en muros de carga paralelos, un dos cales colapsou e arrastrou os forxados, que á súa vez empuxaron o resto de muros, "como unha especie de dominó".

Desta forma, engadiu o director xeral, o resto de muros da planta baixa do edificio foi caendo "en fervenza", o que fixo que as outras plantas se derrubasen, un proceso "moi rápido" aínda que veu precedido da aparición dunha serie de ruídos e de gretas que fixo que moitos veciños saísen polo seu propio pé.

"O que ocorreu é que, por algunha razón aínda por determinar, un deses muros perdeu solidez, probablemente porque cederon os cimentos, aínda que iso non se saberá ata que non se desentulle", relatou Rubio, quen insistiu en que estas estruturas que non son de formigón armado, senón "moi articuladas e bastante máis flexibles", colapsan "moi rapidamente".

A urbanización ten 55 vivendas, das que 18 colapsaron.

Noticias web

26/08/2021