Atopan 160 quilos de cocaína ocultos nun contedor no porto de Marín

Axentes da Garda Civil localizaron un alixo de 160 quilos de cocaína que chegaron ao porto de Marín ocultos en catro bolsas que estaban no interior dun contedor procedente de América do Sur.
O achado da droga, segundo confirmou o instituto armado, produciuse na madrugada do pasado sábado durante unha das inspeccións que se realizan habitualmente, en colaboración con Vixilancia Aduaneira, aos contedores que chegan ao porto.
O contedor en que viña a droga chegou o pasado 7 de marzo a Marín a bordo dun buque procedente de América do Sur con destino a Vigo e que, antes da súa chegada a Galicia, efectuara escalas en Balboa (Panamá) e Alxeciras.
Os narcotraficantes utilizaron o método do "gancho cego", aproveitando o transporte dunha mercadoría legal, neste caso material de construción, para romper o precinto e introducir a droga sen que o soubesen os responsables do envío.
A investigación continúa aberta para identificar as persoas encargadas de retirar a droga do contedor e que, segundo este mesmo método, terían que repoñer os precintos novos tras facerse coa mercadoría.