CRTVG

Buscar

Aterraxe forzosa dunha avioneta nunha estrada preto de Seattle, nos Estados Unidos

Publicado o 02/08/2019 14:18

Nos Estados Unidos usan moito as avionetas para desprazarse. Pois nunha localidade moi preto de Seattle acaba de pasar algo que deixou abraiadas ducias de persoas, a primeira o policía que o gravou todo coa cámara do seu coche patrulla. Unha avioneta tivo que aterrar de emerxencia nunha estrada.

O policía do estado de Washington, Clint Thompson, non daba creto. Estaba a patrullar por Pacific Avenue, en Spanaway, preto de Seattle, cando viu achegarse un avión e pensou que era un aparello a control remoto, pero segundo baixaba facíase máis e máis grande e non lle quedou máis remedio que decatarse da realidade: unha avioneta trataba de aterrar na estatal número sete.

A secuencia gravouse na cámara do seu coche patrulla. Inmediatamente, Thompson púxose a controlar o tráfico para non ter que lamentar un sinistro. E David Acklam, o piloto, puido saír sen ningún risco da súa avioneta. Explicou despois que estaba a voar cara ao traballo cando lle fallou o aparello e tivo que facer esta aterraxe de urxencia, que agora investigan as autoridades federais.

Noticias web

02/08/2019