CRTVG

Buscar

Ataque informático contra a maior rede de oleodutos dos Estados Unidos

Publicado o 10/05/2021 11:25

Ataque informático contra a maior rede de oleodutos dos Estados Unidos. A gravidade é tal que o Goberno tivo de declarar o estado de emerxencia na zona afectada e a principal consecuencia de todo isto é que polo menos un terzo do abastecemento de combustible dos Estados Unidos corre perigo.

Os piratas informáticos atacaron a infraestrutura dixital de Colonial Pipeline, a operadora dun oleoduto que percorre a costa leste e o sur dos Estados Unidos, dende o golfo de México ata Nova Jersey, e quedaron con 100 xigas de información vital para a empresa.

Agora demándanlle un pago á empresa por devolverlle os datos. A infraestrutura principal de Colonial tivo que parar, e no mercado de futuros a gasolina xa subiu ata niveis de 2018, ante o risco de desabastecemento en moitas das principais cidades do país. 

O FBI e a Comisión de Enerxía xa traballan no caso, pero nos medios estadounidenses fálase xa abertamente da posibilidade dunha crise enerxética na costa leste.