CRTVG

Buscar

Ata sesenta denuncias por festas universitarias en Santiago: "Todos van ser multados", promete o alcalde

Publicado o 13/10/2020 14:44

Presentáronse 60 denuncias por festas universitarias na última semana, preto de 150 dende que se iniciou o curso. E xa hai 42 contaxios entre a poboación universitaria.

Os estudantes admíteno: "O complicado está fóra das aulas". Recoñecen que a xente nova tende a xuntarse demasiado e que hai que controlalo todo pola saúde de todos.

O Concello ve preocupante a evolución dos contaxios e busca fórmulas para aplicar sancións máis duras.

"Todos van ser sancionados, todos", asegura o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

A incidencia na cidade é de máis de 200 casos por cada 100.000 habitantes. Un escenario en que o Concello descarta o confinamento.

"En ningún dos casos Santiago está nesa situación para decretar un confinamento", engade Bugallo.

A situación tamén preocupa á hostalería, moi castigada pola pandemia. Din que se necesitan medidas complementarias ás restricións que sofre o sector.

"Se restrinxen os horarios na hostalería, as alternativas de ocio daranse no ámbito privado, con máis perigo porque non hai control", di Lois López, da asociación de hostaleiros.

A área sanitaria de Santiago-A Barbanza segue sumando positivos, 34 nas últimas horas. Os casos activos sitúanse nos 624.

Noticias web

13/10/2020