Asuntos Internos vencella nun informe a Rajoy coa espionaxe a Bárcenas
• O xuíz acredita que gastaron 53.000 euros de fondos reservados na espionaxe
• Feijóo: "Cando se di que todo debe ser investigado, débese dicir que todo e a todos"
Un informe da Unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional remitido á Audiencia Nacional vincula o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, a quen se cita co alcume de Asturiano, coa espionaxe ao extesoureiro do PP Luís Bárcenas.
Son os datos do sumario da operación Kitchen que transcenderon hoxe. O Ministerio do Interior, baixo o mandato de Jorge Fernández Díaz, gastou algo máis de 53.000 euros dos fondos reservados para o seguimento da familia do extesoureiro do Partido Popular, Luís Bárcenas.
Ata 68 policías formarían ese dispositivo, segundo un informe da Unidade de Asuntos Internos que investiga o caso Villarejo, o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, tería coñecemento. A policía considera que a operación estaba coordinada polo número dous do Interior naquela época, o exsecretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez. O obxectivo sería facerse coa información sensible que puidera ter Bárcenas sobre o Partido Popular e os seus responsables.
O informe está datado o 29 de outubro de 2018 e remitiuse ao titular do Xulgado Central de Instrución Número 6. Nel, analízanse os "proxectos" de Villarejo, o policía encarcerado desde a súa detención en novembro de 2017, en especial por ser a persoa que se encargou "do manexo como informador" de Sergio Ríos Esgueva, o chofer da familia de Bárcenas.
"A pesar de que a finalidade da operación denominada Kitchen ou Cociña defínese na nota intervida na cartafol kit como a "localización de documentos do obxectivo", din os policías en referencia a Bárcenas, "en realidade trataríase dunha operación encamiñada á localización deses documentos arquivos de audios comprometedores".
Asuntos Internos sostén que a operación tivo un "resultado positivo e estaría coordinada polo entón secretario de Estado de Seguridade", en referencia a Francisco Martínez, e engade entre paréntese: "Con coñecemento do Asturiano e do Largo".
A investigación, na que se imputou a Francisco Martínez e o seu superior, o entón ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, ademais da exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal e o seu marido, determinou que os policías que operaban xunto a Villarejo chamaban Asturiano a Mariano Rajoy (o outro sobrenome era Barbas). Pola súa banda, Largo é o mote do avogado Javier Iglesias Redondo.