CRTVG

Buscar

Astrazéneca interrompe os ensaios da vacina de Oxford tras a reacción adversa dun voluntario

Publicado o 09/09/2020 06:01
Astrazéneca interrompe os ensaios da vacina de Oxford tras a reacción adversa dun voluntario

A carreira para atopar unha vacina contra a Covid-19 pisa o freo. A farmacéutica Astrazéneza suspende os ensaios da vacina de Oxford contra a Covid-19 tras detectar que un dos participantes sofre unha enfermidade "potencialmente inexplicable".

O laboratorio tiña previsto contar coa vacina dispoñible no primeiro semestre de 2021. De feito, a Unión Europea pechara un acordo en agosto para asegurar a compra de 300 millóns de doses da vacina.

Un voluntario, residente no Reino Unido, sufriu unha reacción adversa grave, tras participar nos ensaios da vacina nas que traballa a farmacéutica Astrazéneza, xunto a Universidade de Oxford.

Tras coñecer a situación deste voluntario, que agardan que se recupere o máis pronto posible, o laboratorio decidiu interromper o ensaio clínico por seguridade.

A finais de agosto, Astrazéneca iniciou a fase 3 de ensaio en Estados Unidos, mentres que en Reino Unido, Brasil e Sudáfrica estaban entre as fases dúas e tres, logo de obter resultados positivos nas fases iniciais.

A farmacéutica prevía ter a vacina dispoñible no primeiro semestre de 2021 e estaba considerada como unha das máis avazandas do mundo, segundo a OMS.

Xunto ás farmacéuticas Pfizer e Moderna, Astrazéneca é unha das tres compañías que están en fases máis adiantadas da investigación.

É a primeira vez que un dos ensaios da vacina contra a Covid ten que poñerse en pausa por razóns de seguridade. Dende Astrazéneca aseguran que están traballando para revisar este incidente e minimizar o impacto no calendario de ensaio que estaba previsto.