CRTVG

Buscar

AstraZeneca di que actualizará os datos do seu ensaio tras alertar os EUA que estaban desfasados

Publicado o 23/03/2021 19:53
AstraZeneca di que actualizará os datos do seu ensaio tras alertar os EUA que estaban desfasados

A farmacéutica anglo-sueca AstraZeneca dixo este martes que difundirá en 48 horas os datos da "análise primaria" do seu ensaio clínico sobre a vacina contra a covid-19 en Estados Unidos, tras recoñecer que as cifras divulgadas onte eran anteriores ao 17 de febreiro. 

Nun comunicado, a compañía admitía que os resultados dados a coñecer onte eran unha "análise provisional" con datos de ata o 17 de febreiro, pero que "inmediatamente" contactarán co Consello de Monitoreo de Datos e Seguridade dos EEUU (DSMB), integrado por un panel de expertos independente que asesora ao Goberno, para darlle cifras actualizadas

O DSMB expresou este luns a súa preocupación pola información publicada por AstraZeneca, ao considerar que podía usar datos obsoletos. Nos resultados difundidos a empresa dicía que o preparado ten unha efectividade do 79 % na prevención de síntomas da covid. 

"Contactaremos inmediatamente co DSMB para compartir a nosa análise primaria cos datos sobre eficacia máis actualizados. Pretendemos sacar os resultados da análise primaria en 48 horas", subliña a nota. E agrega que a avaliación que fixeron da mencionada "análise primaria" mostra que os seus resultados son "consistentes" cos provisionais difundidos onte. 

O DSMB informou a última hora de onte ao Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas de Estados Unidos (NIAID, nas súas siglas en inglés) da súa preocupación pola posible información desactualizada, "que pode proporcionar unha visión incompleta dos datos de eficacia".

"Instamos a empresa (Astrazneca) a traballar co DSMB para revisar os datos de eficacia e garantir que estas cifras de eficacia máis precisas e actualizadas se fagan públicas canto antes", subliñou o NIAID. 

Antes de coñecer esa opinión dos seus científicos, a Casa Branca describiu como "alentador" o estudo sobre os ensaios clínicos da vacina de AstraZeneca, que indicaban que ese produto mostra un 79 % de efectividade previndo a covid-19 sintomática e ofrece protección do 100 % ante a enfermidade grave e a hospitalización.