CRTVG

Buscar

'Fai espazo', as persoas con Asperger piden paso para ter o seu lugar na sociedade

Publicado o 18/02/2020 10:30

• "Fun a rara toda a miña vida", explica Maricarmen, a quen lle diagnosticaron Asperger logo de que o seu fillo manifestara síntomas desta síndrome

'Fai espazo' e visibiliza a síndrome de Asperger. Ese é o motivo da campaña deste ano para darlle un lugar a esta realidade. Trátase dun trastorno, e non unha enfermidade. Unha de cada cen persoas ten Asperger. 

Asperga, a asociación galega que reúne as persoas que teñen este trastorno e as súas familias, lanza hoxe esta campaña. Marisol García, xerente da asociación, explica que hai que facer espazo en todos os niveis, "educativo, laboral, social, darlle o espazo que merecen como calquera outra persoa".

"As persoas con Asperger, e con autismo en xeral, teñen uns intereses moi específicos, e poden chegar a ser grandes profesionais nos ámbitos do seu interese e é unha lástima que non se aproveite e se lles dea unha oportunidade", di Marisol. "Por sorte, as cousas están cambiando".

Outra das reivindicacións é o diagnóstico temperán, por iso "a capacitación dos profesionais da saúde é fundamental", di Marisol.

Maricarmen ten a síndrome de Asperger. A ela diagnosticárona xa de adulta, despois de que fose o seu fillo quen manifestou os síntomas desta síndrome. "O meu problema é como socializar e facer grupo. O traballo podo facelo perfectamente", asegura. "Fun a rara toda a miña vida", explica.

Noticias web

18/02/2020